Thursday 02 de May de 2024

Moeche avanza na construción do seu propio sistema de abastecemento de auga


O investimento, cofinanciado pola Deputación e o Concello, supera os 281.000 euros

A zona do Retorno, Suomonte e a Senra, na parroquia de Santa Cruz, está en obras durante estes días. E é que alí desenvólvense desde hai unhas semanas os traballos de construción do novo abastecemento de auga municipal, que abranguen principalmente a posta en marcha de dous puntos de captación e bombeo e a súa conexión co depósito de Amosa, aproveitando o proxecto para dotar xa de auga pública os núcleos polos que pasa. O investimento ascende a algo máis de 281.000 euros, cofinanciados pola Deputación da Coruña e polo Concello en virtude dun convenio de colaboración asinado o ano pasado. A infraestrutura, a primeira de seu coa que contará Moeche na súa historia, virá rematar con anos de dependencia da subministración das Somozas.

O Goberno local de Moeche iniciou hai tres anos a busca dunha solución para dotar o territorio dun abastecemento propio “moderno e suficientemente dimensionado para atender as necesidades actuais e futuras” que, ademais, axudase a reducir “os elevados custes” que supón o servizo proporcionado polo concello veciño.

O primeiro paso nese sentido foi atopar auga de calidade e en abundancia, algo que se conseguiu en dous puntos próximos ao núcleo do Retorno, en Santa Cruz, nun caso nunha leira municipal e noutro nun predio privado que “gracias á boa vontade das persoas propietarias” o Concello puido mercar por un prezo pouco menos que simbólico de 3.000 euros.

En paralelo, o Executivo local encargou o deseño do proxecto de impulsión e alcanzou o compromiso da Deputación da Coruña para financialo por medio dun convenio nominativo, de maneira que o ente provincial cubrirá o 80% e o consistorio o 20% restante dos 281.394,66€ -IVE incluído- que custarán as obras en marcha.

Case 4 km de tubaxes
Os traballos recollidos no proxecto -que están sendo executados por Guerreiro Somozas SL- consisten na preparación das dúas captacións cun recinto axeitado e equipamento de bombeo, válvulas, tomas para analíticas, un sistema de control remoto e outros dispositivos hidráulicos.

Desde ambos lugares estanse soterrando tubaxes que conflúen no cruzamento do Retorno -ao carón da igrexa de Santa Cruz-, para subir despois por Suomonte, a Senra e Amosa ata o depósito municipal situado na Abelleira, onde tamén cumprirá facer pequenas adaptacións de enganche.

A intervención deixará instalados case catro quilómetros de conducións xerais xunto con arquetas de rexistro que permitan sectorizar a rede en caso de avarías. Ademais tamén servirá para dotar de auga pública á maior parte da zona, concretamente ao Retorno, Suomonte e Amosa, mentres que a ampliación da rede ao lugar da Senra vai incluída nun proxecto do POS+ deste ano -cuantificado en case 40.000 euros- co que tamén se levará a cabo unha obra similar en Forxao (San Xoán).

As seguintes obras de ampliación da rede municipal en Santa Cruz, xa previstas, son a da zona de Vilazanche e o Tellado que, ao igual que outros puntos do territorio “non podían acceder ao abastecemento público tel e como estaba configurada a subministración nestes momentos”, explica Beatriz Bascoy. A alcaldesa recorda, así mesmo, que entre 2021 e 2022 se levou o abastecemento a outros puntos do territorio como A Bouza, Beleiriz, Casalousada e Portogonzalbo, ademais de achegar a subministración ao Loureiro, Casatellada e os Acivros.

A rexedora avanza que a nova infraestrutura de captación e abastecemento “totalmente municipal” que se está executando en Santa Cruz “marcha a bo ritmo”, tendo en conta que en puntos determinados os traballos deben ir precedidos da supervisión arqueolóxica esixida pola Dirección Xeral de Patrimonio. Bascoy engade que, unha vez rematada a obra, a súa posta en marcha farase “de forma progresiva en coordinación con Augas de Galicia”.